A parroquia de Santiago de Cereixedo está situada na vertente oeste da Serra dos Ancares, limítrofe con León. Xunto con Donís abarcan a parte máis montañosa do concello de Cervantes, con profundos arroios que van desembocar no río Cancelada, afluente do Navia. O máis espectacular da igrexa de Santiago de Cereixedo é sen dúbida o templo natural que a rodea. Non podemos entrar no seu interior sen antes deleitarnos coa beleza deste val colmado de masas boscosas de castiñeiros, carballos, bidueiras, ameneiros e incluso árbores frutais como maceiras. O abandono poboacional da zona montañosa na que se atopa ten os seus beneficios en canto á beleza e frondosidade da paisaxe, mais se non se toman medidas urxentes de conservación e restauración, esta igrexa parece estar chamada a desaparecer, pois o uso litúrxico é cada vez máis escaso
.
A factura esvelta e de amplas proporcións da igrexa de Santiago de Cereixedo destaca de maneira especial polo seu encaixe harmonioso na espesura deste val e o seu verdor. Igrexa e contorna parecen engarzarse máxicamente entre sí.
Na fachada obsérvase a división en tres corpos da torre principal. O primeiro facilita o acceso á igrexa a través dun arco de medio punto (un tanto irregular), os contrafortes laterais prolónganse ata a cima do primeiro corpo, rematado por un óculo que aporta iluminación ao coro no interior. No lateral sur da fachada hai dous vanos, un máis grande na parte inferior e outro máis estreito na parte superior, no lateral norte outro vano moito máis pequeno. O segundo corpo é máis reducido e sen luces. O terceiro tramo da torre presenta 4 vanos e dúas campás no interior. A nave é de planta rectangular, con dúas capelas e a sacristía anexadas no lateral sur, todo o templo ten cuberta a dúas augas teitada de lousa.
Na porta que da acceso ao templo podemos ler gravado na madeira unha inscripción que fai alusión ao monograma de Cristo IHS. O monograma IHS aparece nos primeiros séculos da nosa era a partir do nome en grego koiné de Xesús (ΙΗΣΟΥΣ). Os monogramas gregos continuaron sendo utilizados en latín durante a Idade Media, dando lugar a diferentes interpretacións, mais a única aceptada é a abreviación latina “Iesus Hominum Salvator”, traducida como "Xesús salvador dos homes". O monograma fíxose máis popular despois do século XII, pola insistencia de San Bernardo na devoción ao Santísimo Nome de Xesús. Cara ao final da Idade Media IHS converteuse nun símbolo, moi similar ao Chi-Rho do Crismón. Ás veces por encima da H aparece unha cruz e debaixo tres cravos, mentres que toda a figura soe aparecer rodeada por raios. O emblema foi divulgado polos dominicos e os franciscanos, entre os que destacou san Bernardino de Siena. Pero a súa maior difusión veu coa Compañía de Xesús. Ignacio de Loyola adoptouno coma o selo da Compañía, engadindo debaixo do monograma unha media lúa entre dúas estrelas, reminiscencia da iconografia medieval do calvario. Tamén é frecuente colocar debaixo do monograma tres cravos unidos polas súas puntas, que son os da paixón de Cristo, cuxa orixe tamén é medieval. Dende o século XVI foi moi frecuente engadir un corazón sobre o que se apoian os tres cravos e aínda que a adición do corazón non foi exclusiva dos xesuítas, foron os que máis a usaron.
Na inscripción da porta tamén lemos o que parecer ser a data de 1773. Según nos di Xabier Moure no seu blog do Colectivo Patrimonio dos Ancares, aínda que a construción da igrexa adoita situarse no século XV, a súa orixe remóntase, ao menos, cen anos atrás. Neste traballo de Gregorio Cavero Dominguez, Nobles y monjes: Los Osorio Villafranquinos y los monasterios bercianos (siglos XIV-XV), lemos algunhas referencias á igrexa de Cereixedo, que xunto con outras terras de Cervantes é posta baixo a encomenda de Álvar Pérez Osorio a cambio de defensa e amparo.
Xa no interior, podemos observar a cuberta de bóveda de canón, feita con labrados bloques de pedra, revogados con cal. Dous arcos faixóns axudan a soportar os empuxes da bóveda, e dividena en tres tramos. Sobre a base da torre elévase o coro, tamén realizado en pedra, con balaustrada de madeira. Senllos arcos de medio punto facilitan o acceso ás dúas capelas laterais, anexadas ao lado sur da nave. Un arco triunfal apuntado da paso ao presbiterio, con bóveda semellante á da nave, e no lateral da epístola está o acceso á sacristía mediante unha pequena porta.
Así como noutros templos da comarca que temos visitado e investigado, sí atopamos estudos previos que decumentaban a historia e a arquitectura das igrexas, neste caso non dispoñemos de ningún, ainda que si temos unha descripción detallada por parte de Luis López Pombo que nos axuda a identificar mellor as tallas.
Retablo Maior
No Retablo Maior, de claro estilo renacentista, observamos dous corpos, ocupado o inferior polas tallas de San Juan, que aparece sinalando o cordeiro sentado sobre o libro e cunha caveira aos pés que parece simbolizar o triunfo sobre a morte, vai vestido con pelo de camello como sinala a tradición. No tramo inferior vemos tamén a talla de San Miguel Arcanxo, con balanza, espada e dragón aos pés e de marcado estilo renacentista; sagrario con dúas hornacinas laterais e relevos escultóricos representando a San Pedro e San Pablo. O corpo superior, dividido en tres hornacinas das que a central está baleira, pero que intuimos sería o espazo para a imaxe de Santiago Peregrino, patrón da igrexa e que no momento de facer a foto se atopaba colocado pra saír en procesión. Na hornacina da dereita unha talla da Piedade, con Cristo inclinado sobre o brazo esquerdo; e no lado esquerdo a figura dun Bispo en actitude de impartir bendición. Noutra pequena hornacina unha imaxe da Virxe co Neno.
Capela do Rosario
No momento da visita, o retablo desta capela estaba completamente derruido, hai restos de columnas salomónicas de estilo barroco e un trozo dunha fermosa pintura na que se observa un anxo músico. Destaca tamén a bóveda cuberta por unha pintura azul celeste e flores de 6 pétalos que saen expandíndose a partir dun centro en forma circular.
O outro anxo que supoñemos estaría ao lado de esté atópase caído, sobre a mesa de altar.
Retablo da Crucifixión
Adosado ao muro norte da nave observamos este retablo da Crucifixión, no que aparece unha talla co grupo das Tres Marías ao pé da cruz, e a figura de San Juan e María Magdalena ao outro lado da cruz. Remata o retablo un anxo alado na parte superior.
Retablo de San Francisco de Asís
No mesmo lateral norte da nave outro retablo de estilo rococó probablemente feito no século XVIII, formado por dous corpos, o inferior con catro columnas salomónicas decoradas con vides, follas e ramas elicoidales e imaxe de San Francisco de Asís, cos estigmas ou sinais da Paixón de Cristo. No segundo corpo, dúas columnas salomónicas e a imaxe dun Santo; o retablo está rematado pola figura dun pavo real, de cuio simbolismo xa temos falado con respecto ás pinturas de Santo André das Nogais.
Simbolismo nas pinturas
Vemos que a cabeceira recta con bóveda de canón apuntado é unha estructura extendida nos templos da contorna (tamén se observa no norte peninsular), e ofrece un amplo espazo para decorar. As pinturas murais mellor conservadas do templo cubren toda a bóveda do presbiterio, con formas xeométricas en "losange" que enmarcan espazos nos que se insertan motivos estrelados e florais. Nos muros laterais, baixo a liña de imposta, hai restos de pintura que figuran unha ficticia tapicería, tamén con motivos decorativos xeométricos, en líneas azuis formando rombos no espazo do presbiterio, e en líneas verticais no espazo do primeiro tramo. No segundo e terceiro tramo da nave, os restos de pintura atópanse nas columnas, nos arcos faixóns, as cornisas e o zócalo, así como tamén no arco apuntado que da acceso ao presbiterio. Os motivos decorativos destas estructuras parecen ser de tipo marmoleado, intercalando rectángulos coloreados de gamas cálidas e frías.
Como se pode observar nas fotos o estado tanto das pinturas como dos retablos, está pedindo a gritos medidas urxentes de restauración e conservación.
Os arcos faixóns dividen a bóveda en tres tramos, e estes aparecen coroados cada un deles con unha figura estrelada de simbolismo xeométrico no que as formas parecen xirar de xeito concéntrico.
A temática da pintura mural non parece servir de complemento ao programa iconográfico, as figuras representadas son decorativas e de tipo xeométrico ou floral, polo que nos imos deter un pouco nestes astros que coroan o templo e nos cales se entrelaza o simbolismo do sol co das estrelas. Ainda que as veces se olvida facilmente, estas figuras lémbrannos que no universo hai tantos sistemas solares coma estrelas que tachonan a noite. O simbolismo do sol vincúlase estreitamente co do corazón e a roda, pois o noso sistema solar está conformado por planetas que xiran exterior ou internamente á súa órbita dende a perspectiva da terra. Xa na antigüedade foi comparado o seu movemento no espazo cun carro conducido polo deus Apolo, o cal se asimilaba ao mesmo sol. O sol, fonte de luz e calor, define o centro dun sistema inmenso que nos conduce dende o macro ao micro, así tamén o corazón é o centro do home, de onde irradia a capacidade de amar, e polo tanto o que proporciona enerxía vital que facilita o crecemento e por tanto o coñecemento. Os raios do sol representan as influencias celestes, ou espirituais, recibidas pola terra. Chamado Pai, fonte de Vida, todo o existente estalle suxeito, Rey supremo do manifestado, o maior obxecto de culto de todos os tempos, xunto coa lúa, a súa esposa (ou irmá). Por outra banda o sol representa a medida do tempo, e polo mesmo o rexente de todos os ciclos, o cal é notorio no seu percorrido diario, no anual e mesmo no seu ciclo maior, o da precesión dos equinoccios. O sol tamén simboliza a inmortalidade, pois reaparece cada mañá tras a escuridade nocturna como portador de luz e vida. Outro dos seus “renacementos” sitúase no solsticio de inverno cando se celebra que a luz do día comeza a vencer ás tebras nocturnas, festa que os romanos denominaron Sol Invictus. O principio solar represéntase por un gran número de flores e animais (crisantemo, loto, xirasol, aguia, cervo, león etc.) así como por un metal, o ouro, alquímicamente designado como o sol dos metais. O sol é imaxe do Deus Creador e por tanto móbil, é dicir, suxeita ao tempo e ao espazo; pero tamén é representación do Eixo Polar Inmutable, Deus invisible, ao redor do cal danza a máis marabillosa creación posible e sempre cambiante e unha. Os pobos arcaicos están máis preto da orixe, por iso a súa comunicación co ceo é máis directa e reverencian á deidade uránica metafísica á que hoxe os sabios e estudosos chaman Deus escondido. En cambio as civilizacións organizaron os seus panteóns de modo indirecto, pola intermediación do sol e o cortexo planetario que acompaña o seu percorrido. No simbolismo cristián o sol representa a Cristo/Deus, a propia data de celebración do seu nacemento foi establecida o día 25 de decembro (solsticio de inverno), e é presentado como o novo Sol Invicto, a victoria da luz sobre a noite máis longa do ano, o verdadeiro Sol que desvanece as tebras e vence o error (Jn 1, 4-5) (1 Jn 1, 5).
Losange
Outra figura xeométrica que nos ten chamado a atención e que se atopa representada por todo o templo é a forma de losange ou diamante.
No interior da capela do Rosario vemos a parte interna do arco de acceso cuberto por este motivo decorativo de ilusionismo óptico: losanges que aparentan ser paralelepípedos tridimensionais.
O interior da capela da Dolorosa tamén está cuberto por unha serie de rombos entrelazados entre sí e que serven de marco ás figuras que aparecen nos ocos, pero que o desgaste da pintura impide recoñecer. Este mesmo xogo de "molduras" entrelazado aparece representado na bóveda do presbitorio, nunha situación central e en contacto directo co Altar Maior, é probable que a importancia do simbolismo xeométrico teña perdido significado na actualidade, quedando relegado a un simple motivo decorativo, mais o feito de que estas formas estiveran nun lugar tan central deixannos constancia de que probablemente foran mellor comprendidas que hoxe. A orixe do significado do losange remóntase ás épocas neolíticas e paleolíticas de Europa Oriental, e representaría un campo sementado e a fertilidade feminina. En 1658, o filósofo inglés Thomas Browne publicou "O xardín de Ciro ou as plantacións quincunciales, romboidales ou en forma de rede dos antigos, consideradas artificial, natural e místicamente", obra e autor que descoñecía e que gracias a esta igrexa descubro marabillada. Browne perfilou a conexión mística da arte, a natureza e o universo mediante os patróns quincunces, fala da práctica da horticultura dende o bíblico Horto Sacro ata os tempos de Ciro o Persa: época en que se plantou por vez primeira unha planta en cada un dos catro extremos dun rombo e unha quinta no centro. Maneira de plantar que Browne, con todo, considera moi anterior e que xa foi "practicada polos sembradores de hortalizas antes do Diluvio. O losange é tamén un antigo símbolo feminino celta que representa a vulva ou matriz da Gran Nai. O día da festividade de Santa Brígida (1 de febreiro), as mulleres dalgunhas zonas de Irlanda seguen fabricando a cruz da santa, un amuleto formado por un losange en forma de diamante feito de palla e tecido ao redor dunha pequena cruz de madeira. Na arte irlandesa temperá dos manuscritos iluminados, o predominio da forma de losange no Evanxeo de San Juan levou a identificar este símbolo de Xesucristo como Logos ou Verbo. Tamén o losange foi utilizado no cristianismo co mesmo simbolismo feminino da vesica piscis, evoca o contacto entre o ceo e a terra que se da na Encarnación do Verbo no seno de María.
Iluminación de Xesucristo en Maxestade, rodeado dos símbolos do tetramorfos, rexistrados dentro dun losange, na Biblia de Moutier-Grandval, Circuítos, c. 830 – 840.
Resulta curioso tamén comprobar que o losange é tamén a forma do diamante, o cal pono en relación co simbolismo dos raios solares que xa temos visto anteriormente e que aparecen moi representados nesta igrexa. Con respecto ao simbolismo do raio e o diamante René Guénon fálanos do indú e dinos o seguinte:
Antiguo vajra budista
E non podemos pechar esta entrada sen deixar de facer referencia á grande labor de revitalación da contorna que fai a agrupación de música tradicional Os Xardois, coa celebración de Romerías que revitalizan as tradicións e movilizan a gran cantidade de veciños; como tamén a intensa labor do cura da parroquia, Don Ramiro, que ademáis sempre nos facilita o acceso con amabilidade e grande diposición. Deixámosvos aquí un precioso vídeo da procesión en torno a igrexa; polo visto, ademais da festividade do patrón, Santiago Peregrino, celebrábase tamén a de Nosa Señora o 8 de setembro, pero deixou de celebrarse nos anos cincuenta do século XX.
Referencias
Outras igrexas da contorna
Comments